Tuesday 14 de May de 2024

A función teatral Soños lévase ata parte da comunidade educativa da Pobra


Despois de que se representase ante o público xeral, agora a función teatral Soños, de Artefeito+Culturactiva+Igaxes, diríxese en exclusiva a parte da comunidade educativa da Pobra do Caramiñal.

O instituto regresou neste 20 de novembro ao Elma como espectador da segunda peza teatral que lle achega a Concellaría da Cultura ao público educativo co patrocinio de Congalsa.

Alumnado do 2.° e do 3.° da ESO aproximouse á situación da mocidade tutelada de xeito integral. A escrita provén do contacto directo do autor, Fernando Epelpe, e da directora, Tamara Canosa, con rapaces e rapazas de vivendas tuteladas, que levan as súas experiencias ao escenario cun contido realista e directo que reflicte algúns dos obstáculos que afrontan no seu día a día. Ademais, o respecto ás distintas culturas é outro dos temas centrais.

Con relación a isto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explica que “estas sesións convidan á reflexión e sensibilizan a través da arte. Se na semana pasada se abordou a diversidade sexual no ámbito rural galego por ocasión do Día Internacional para a Tolerancia, nesta é a quenda de tomar conciencia sobre as distintas realidades que vive a xuventude.”